Ex-colexiata Santiago de Cangas e Zona vella. Ao redor da igrexa atópase o centro histórico de Cangas; rúas estreitas con construcións típicas mariñeiras como as casas de patín (no patín gardábanse as artes de pesca) e casas blasonadas e tamén pequenas prazas como a de Síngulis (crese que é un dos primeiros asentamentos de Cangas, cun cruceiro no centro da praza).
Nesta zona hai variedade de tabernas onde gozar duns viños, unhas tapas e mariscos típicos de lasRías Baixas.
Praza de Abastos. A praza ou mercado de abastos é o centro de actividade en Cangas polas mañás xa que é aquí onde se compra o peixe e marisco fresco de cada día. Abre polas mañás todos os días excepto os domingos.
Martes e venres celébrase ao redor da praza o mercadillo (venda de produtos típicos da horta, pans e empanadas e roupa)
Alameda nova ou Xardíns do Sinal. Dentro dos xardíns atópase o parque infantil e a Capela do Hospital (Capela do século XVIII restaurada en 2002 e convertida en sala de exposicións)
Alameda Vella e Reloxo (Estación Meteorolóxica). O reloxo, todo un símbolo para Cangas é unha estación meteorolóxica de principios do século XX.
Porto Pesqueiro e Lonxa. A pesca e ás actividades relacionadas con elas, como a cría de mexillóns enBateas, a extracción de navalla e percebe, e o marisqueo á boia son aínda actividades económicas importantes para Cangas. Hai pequenas explotacións agrícolas e gandeiras pero de carácter puramente doméstico que producen para o autoconsumo ou, nalgún caso, para a venda nos mercadillos do propio municipio.
A importancia do turismo tamén é moi grande e o desenvolvemento desta actividade veu a frear a crise debida á falta de recursos pesqueiros.
Estación Marítima. Desde aquí parten barcos todos os días a Vigo (desde as 06:00 ata as 22:30). O paseo dura 20 minutos e costa 2.35?/traxecto. No verán (Desde maio ata mediados de outubro e en semana santa) tamén hai barcos para visitar as Illas Cíes (Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia)
Xusto á beira da estación marítima está a Estación de Autobuses e a oficina de turismo.