Sendeiro dos Petroglifos de Cobres - VILABOA

Interese xeral 

Esta ruta circular principia na parroquia de Santa Cristina de Cobres, no núcleo rural denominado Areeiros. Por detrás da casa rural coñecida como «Os Areeiros», iniciamos o percorrido a través dunha pista forestal que discorre á beira dalgunhas leiras e que, pouco e pouco, se interna nunha masa boscosa onde se amosarán as primeiras mostras dos petróglifos, a ambos os lados do camiño.

Despois destas primeiras descubertas, recoméndase coller a derivación ao Miradoiro de Acuña, dende onde se poderá contemplar unha espectacular panorámica sobre a Ría de Vigo.

Tras regresarmos á ruta principal, a uns 900 m, o sendeiro sepárase da pista forestal e ascende por un camiño ata chegar ao barrio de Vilar. Tras cruzar este pequeno núcleo de casas, chégase a un pequeno curuto onde se sitúan varios petróglifos. Dende aquí, o vieiro baixa de novo cara á casa de turismo rural.


Acceso: N-550 entre Pontevedra e Redondela, desviarse en Vilaboa pola N-554 e, unha vez en Cobres, tomar o desvío a Areeiros.

Camiños de Santiago

Camiño Portugués pola Costa | Camiño Portugués

Fonte: Turismo.gal