Ruta guiada polo centro histórico de Cangas. Gratuíta para grupos.
Para máis información: 986 392 023 ou 986 300875
A vila de Cangas, e moi particularmente a súa Zona Monumental, acolle un rico patrimonio artístico cada vez máis recoñecido e valorado.
Neste antigo burgo de pescadores, a man sabia do canteiro e o bo facer dos seus homes e mulleres ao longo dos séculos, acabaron legándonos a preciosa arquitectura marineira, que funde as súas raíces na tradición medieval.
Pero Cangas non é soamente Historia, senón tamén presente; un presente de gran vitalidade, no que o noso centro urbano continúa embelecéndose con novos e magníficos edificios contemporáneos.
Por iso comezaremos o noso percorrido na "Casa do Concello", obra de vangarda que leva o selo dun laureado arquitecto: Alberto Noguerol. Desde aquí dirixirémonos polos magníficos "Xardíns do Sinal", ata o lugar onde está a "Capela do Hospital"emblemático monumento mandado construír polo prior D. Gonzalo de Nogueira e Araujo no 1711 e reconstruída no ano 2002..
Entraremos logo na Alameda, coa soberbia efixie de Don José Félix Soage Villarino que no 1914 esculpió o xenial Francisco Asorey. Á vista están algunhas mostras daquela xenerosidade sen límites con que este gran home adornou o amor que sentía pola súa vila natal: o palco de música, o mercado, e outras moitas polas que o pobo lle garda un agarimo imperecedero.
Case inmediata atópase outra sublime talla coñecida como "A volta do Mar" coa que o inesquecible Xoán Piñeiro quixo render unha sentida homenaxe a todosl vos pescadores de Cangas.
Pouco máis aló poderemos admirar o popular "Reloxo", todo un símbolo da nosa identidade, e que non é outra cousa que unha estación meteorógica.
A partir deste momento, comeza xa a asomar toda a riqueza arquitectónica do noso casco antigo.
En Praza do Arco, antiga porta de entrada á vila, atoparemos un deses recoletos recunchos de encanto singular,de onde dise que durante a Idade Media viviron judios.
A rúa Antonio Garelly conserva unha das máis primorosas "casas de patín", que en Cangas é vivenda marineira por excelencia, e na de Pablo Igrexas pasmarémonos ante os enormes portalóns, no seu día utilizados para gardar embarcacións de pesca.
Ascenderemos logo pola "Rúa Real", salpicada de vellas mansións fidalgas que aínda locen con orgullo os seus escudos de armas, pero tamén de impresionante edificacións de finais do S.XIX e principios do XX, cos seus graníticas fachadas labradas con esmero, e brancas e alegres galerías.
Veremos tamén a estatua ecuestre de Santiago Apóstolo, unha das imaxes máis coñecidas do noso conxunto histórico. Así chegaremos á principal xoia arquitectónica que atesoura l a vila, e máximo orgullo dos cangueses: a Ex-Colexiata de Santiago.
A súa esplendorosa portada renacentista, levantada en 1585,cóntase entre as máis belas e armoniosas de toda Galicia. Pero é preciso, ademáis, visitar o seu interior, os seus majestuosas naves, os seus retablos barrocos e as súas imaxes de altísimo valor artístico, elementos todos ante os que ninguén queda indiferente. Alí consérvase un venerado Cristo, parece que milagroso, do que se di que "non quixo arder", pois en 1617 sobrevivó ao incendio do templo por parte dos "turcos impíos". aínda que quizá nada levante tanta admiración como outro Cristo, o do Consolo, expresión viva do sufrimento na Cruz que tan ben soubo plasmar o mestre Juan Pintos.
Desde aquí, e a través da Rúa de Hío, dirixímonos cara ao "Eirado do Costal", corazón do barrio quefue o núcleo primigenio de Cangas.
Os seus tortuosos canellóns esconden moitas e moi fermosas casas de patín alternándose estas con outras modalidades de morada marineira, como "a casa terrera", ou o seu precedente máis antigo, e é a "casa con sobrado" ou entre medianeiras.
Tamén aquí sorprende ao visitante un venerable hórreo, que desde o seu estraña localización sobre un muro, lémbranos os duros tempos en que sobrevivir era todo un luxo. Un escudo erosionado, que noutro momento acolleu o emblema da Inquisición, chamará a nosa atención ao subir pola Rúa de Síngulis. Así accederemos á praza do mesmo nome, presidida por un marabilloso cruceiro barroco e enmarcada por un espléndido grupo de casas de patín, caracterizando un espazo urbano que nos traslada a outra época.
E aínda poderemos dirixir os nosos pasos cara ao Outeiro, coas súas ancestrais "casas do petisco", baixar logo ata Fonte Ferreira para coñecer o típico lavadoiro, e finalizar a visita no barrio de Sinal, onde se mantén a tónica dominante dunha arquitectura creada por e para o mar, conformando así un dos conxuntos monumentais máis admirables de toda a costa galega.